¿Quen somos? Preguntas frecuentes
* Que é Galgar e como xorde?
1. Galgar é un grupo de traballo na órbita do galeguismo progresista, para a elaboración de material ideolóxico, doutrinal e programático innovador.
2. Nace da vontade dun grupo de xente, afín a diferentes coordenadas ideolóxicas, pero co obxectivo común de dotar ao galeguismo dun discurso técnico, fundado e formado.
* Que obxectivos persegue Galgar?
1. Galgar quere contribuír a fornecer ao galeguismo dun corpus teórico elaborado e científico. Pretendemos contribuír con esta pequena achega á construción do sentimento galeguista formado na vida política, social, asociativa, académica ou empresarial do noso País.
2. Estamos convencidos de que a defensa dos intereses de Galicia como nación é o camiño para acadar un maior desenvolvemento político e social do pobo galego, afondar no progreso económico e promover unha perspectiva de liberdade, igualdade e autogoberno na sociedade civil.
3. Mediante estes valores e intereses, Galgar aspira a ser unha factoría de ideas propia das máis avanzadas democracias. Convidamos a sociedade civil a desenvolver unha conciencia crítica e construtiva que oriente o tan necesario espírito reformista que Galicia merece, por enriba das inxustizas e desigualdade de oportunidades que padecemos.
* Por quen está formado?
1. Galgar está formado por persoas con inquedanzas políticas, que responden a unha diversidade de coordenadas ideolóxicas que abranguen dende a socialdemocracia ata o liberalismo onde se adscriben os intelectuais da tradición máis prolífica do nacionalismo galego, e cunha formación académica moi diversa en economía, auditoría, dereito, ciencia política, enxeñaría...
* Cal é a relación de Galgar con Compromiso por Galicia?
1. A formalización de Galgar como equipo de traballo coincide no tempo co bo recibimento que o noso ofrecemento tivo entre algúns persoeiros de Compromiso por Galicia, para propor iniciativas políticas e programáticas a un proxecto en construción, sen a busca de contrapartidas políticas.
2. Algúns dos membros de Galgar son afiliados de Compromiso por Galicia. Outros participan da vida asociativa universitaria, cultural ou veciñal. Pero cómpre salientar que Galgar non é nin pretende ser un partido político, nin unha organización integrada no mesmo, nin busca promocionar as ambicións dentro de ningún partido político de ningún dos seus membros nin do colectivo en xeral.
* Cales son as áreas de traballo de Galgar?
1. Pretendemos abordar calquera cuestión e temática que consideremos de interese para a construción dun pensamento galeguista acordo cos tempos de hoxe. Introduciremos, despois da súa análise as achegas daquelas voces mellor formadas e deste xeito manter unha colaboración transversal.
2. Nomeadamente, no camiño da construción do País, cremos que é importante dotar ao galeguismo dun novo corpo doutrinal no que respecta ao sistema político, ás administracións públicas e ao territorio; á economía e á facenda; á iniciativa privada con énfase na excelencia e no coñecemento; e ás políticas públicas sectoriais. Decatámonos de que a dinámica de construción nacional demanda de todos os galegos e as galegas as aportacións coas que, dende as nosas capacidades e coñecementos, poidamos fornecer ao País.
* Pero, que significa Galgar?
1. Segundo a Real Academia Galega, galgar é “facer un rebaixe”, ou “eliminar as desigualdades” dunha peza de madeira ou pedra. A peza que queremos Galgar é o discurso galeguista, conseguindo que este chegue ás máis amplas capas da sociedade galega, galgando os receos que esta padece sobre o nacionalismo galego.
2. Galgar é empregar a galga, é tratar ao carro co tento preciso, procurando a estabilidade do mesmo e do que contén, facendo que avance a bo ritmo na súa dirección.
3. Galgar é, en definitiva, “avanzar con forza sobre algo”, sobre a Galicia do futuro que vén, da man dos proxectos políticos, sociais e culturais que a farán.
Subscrever:
Comentários (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário