Non están os tempos pra andar a enredar con lerias dificilmente
descifrables por calquera cidadán alleo á tradición do nacionalismo galego.
Mais, baixo o convencemento de que as nosas teimas poden acabar sendo asumidas
no servizo á democracia, o progreso e o benestar, permítanme hoxe darlle
algunhas voltas ó tema. Como galeguista, déixenme humildemente dirixirme ós
galeguistas actuais e futuros, pra os motivar a facer do galeguismo unha
ferramenta útil con apoio e prestixio social.
Asumindo que partimos das seguintes realidades ben obvias e constatables
:
i. Estamos na obriga de renderlles agradecementos ós irmáns que foron
quen de manter vivo o noso movemento político ata os nosos días, levándoo a
ocupar ó menos nunha ocasión o segundo lugar no apoio eleitoral dos galegos e
galegas e mesmo a co-gobernar o país durante dous diferentes períodos. Mais,
por outra banda, habemos de recoñecer tamén que obxectivamente o nacionalismo
galego nunca foi quen de gañar a confianza da maioría social galega. O
nacionalismo galego non soubo, ou se cadra non quixo, incluír dentro dos seus
marcos a determinados sectores que son fundamentais nas dinámicas dunha
sociedade occidental moderna, e tampouco foi quen de se presentar socialmente
como debería, como a máis útil ferramenta pró desenvolvemento económico de
Galicia e o benestar dos galegos e galegas. Así é que, despois de máis de 3
décadas de errática traxectoria, atopámonos hoxe nunha situación crítica pró
noso movemento: co nacionalismo político esgazado, cun apoio eleitoral ó redor
dun escaso 16% e cunha percepción social do nacionalismo galego realmente
estragada.
ii. As enquisas do II Barómetro Autonómico do CIS (http://www.cis.es/cis/export/sites/default/-Archivos/Marginales/2820_2839/2829/Es2829Gal.pdf) revelan que, ó tempo que o orgullo de ser galego segue a predominar en Galicia sobre o de ser español (pregunta 22), tanto o sentimento exclusivamente español como o sentimento exclusivamente galego diminuíron nos últimos anos, deixando un 68% que se sinte tan galego coma español, un 6,5% que se sinte só ou máis español e un 24,01% que se sinte só ou máis galego(pregunta 48). Do mesmo xeito, a preferencia ben por un sistema centralista ou ben pola independencia de Galicia tamén son minoritarias, situando ó desexo maioritario dos galegos e galegas en posicións intermedias entre ámbalas dúas (pregunta 46). Xa que logo, podemos concluír que a sociedade galega non interpón ningún tipo de barreira á identidade ou soberanía de Galicia , máis ben observamos como unha ampla maioría amosa unha clara ambigüidade ou indiferenza ó respeito, agardando a ser convencida por unha ou outra opción.
ii. As enquisas do II Barómetro Autonómico do CIS (http://www.cis.es/cis/export/sites/default/-Archivos/Marginales/2820_2839/2829/Es2829Gal.pdf) revelan que, ó tempo que o orgullo de ser galego segue a predominar en Galicia sobre o de ser español (pregunta 22), tanto o sentimento exclusivamente español como o sentimento exclusivamente galego diminuíron nos últimos anos, deixando un 68% que se sinte tan galego coma español, un 6,5% que se sinte só ou máis español e un 24,01% que se sinte só ou máis galego(pregunta 48). Do mesmo xeito, a preferencia ben por un sistema centralista ou ben pola independencia de Galicia tamén son minoritarias, situando ó desexo maioritario dos galegos e galegas en posicións intermedias entre ámbalas dúas (pregunta 46). Xa que logo, podemos concluír que a sociedade galega non interpón ningún tipo de barreira á identidade ou soberanía de Galicia , máis ben observamos como unha ampla maioría amosa unha clara ambigüidade ou indiferenza ó respeito, agardando a ser convencida por unha ou outra opción.
iii. O nacionalismo galego como movemento político, se non
o comparamos con casos de militancia masiva como os 30.000 afiliados do PNV en
Euskadi, ten a deshonra de ser un dos movementos con menor proporción
votantes/militantes de toda Europa. Con arredor de 8.000 militantes rexistrados
no 2009, os partidos nacionalistas galegos non pasaron dos 270.000 votos. Ademais,
non foron quen de convencer nen tan sequera a ese 24,01 % que se sinte máis
galego ca español, non pasando na última convocatoria eleitoral do 16% dos sufraxios. Logo, podemos concluír que
hai ampla marxe prá mellora, tanto en termos de eficacia como de eficiencia.
Ante a situación que enfrontamos, nós, os que coidamos que o nacionalismo
galego pode acadar unha expresión maior, só podemos aceptar a responsabilidade
de cruzar o noso particular Rubicón. Non nos queda outra que alumear un novo
xeito de facer nacionalismo galego, un novo paradigma que se adapte pra
satisfacer os problemas da realidade que enche o país, pra abonar a terra e mellorar
a colleita da nosa sementeira. Nos próximos lustros, o galeguismo ben poderá diferenciarse
e redefinir con firmeza o seu discurso e estratexias pra seducir a esa maioría indiferente,
ou ben poderá observar pasivo como esfarela calquera posibilidade de subsistencia
da identidade galega. Estamos na encrucillada, próximos a un punto de non
retorno, e non debemos dubidar escoller a primeira das opcións.
Galicia é unha nación natural, mais por moito que nos apoien unha
historia, unha cultura, unhas tradicións comúns e unha lingua propia e
milenaria, non seremos nin deixaremos de ser unha nación política porque nós teimemos
en anuncialo. Administrando as nosas conviccións nacionalistas nunha sociedade
como a galega, tan complexa e poliédrica, na que son dominantes as reservas e
ambigüidades do individuo ante a identidade coletiva, cómpre sermos conscientes
de que aquilo verdadeiramente radical é só aquilo que teña viso de tornarse posible.
Polo tanto, se queremos que agarren ben fondo as raíces, teremos que mudar a frontal
afirmación pola encandeante sedución; deberemos seguir o vieiro que, co apoio dos
argumentos da razón e a lírica da nosa identidade, nos leve a motivar ó pobo
galego a unirse no orgullo de formar parte dunha nación milenaria e no
convencemento de que máis soberanía galega implicará un mellor goberno, un
maior progreso e benestar e unha máis xenuína democracia. Cando iso aconteza,
será o pobo quen se teña salvado a si mesmo e xa nin fará falta que nós o
anunciemos, Galicia xa será de facto unha nación.
Amalgamando un amplo espectro do galeguismo, capaz de
representar o latexar da sociedade galega, debemos acreditar logo no
nacionalismo cívico como ferramenta. Así, sinxelamente partindo de afirmar
sermos o que somos, avogaremos por aquelas posturas que nos faculten pra
exercermos como simples catalizadores da suma das vontades individuais de cada
un dos galegos e galegas; apostaremos por aquel discurso que nos habilite pra os
acompañar en positivo, en sentido de utilidade, pra os alentar a expresar
conxuntamente a súa vontade nacional coletiva, en sentido galego e de xeito
espontáneo e libre. Atoparemos referentes dabondo se recompoñemos pontes sobre
a inmensa fenda aberta coa tradición do galeguismo do primeiro terzo do século
XX, ou recollemos as lecións deitadas polo éxito dos partidos nacionais doutras
nacións sen estado da Europa.
Sexamos ben conscientes de que é o que deixamos atrás ó
enfrontarmos este novo afán. Aqueles nacionalistas galegos que verdadeiramente
anceiamos gañar a confianza da maioría social galega, non dubidemos
desprendernos daqueles vicios que nos limitaban e fagamos un vieiro propio. É
xa a hora de librármonos dese síndrome “quixotesco” que só fai ver xigantes
onde hai muíños, é o intre de separarse do aloumiñeiro Morfeo e sandarse desa
crónica abstracción dos ritmos reais da sociedade galega, é o momento de
inequivocamente afastar da nosa praxe nacionalista o discurso excluínte, propio
do nacionalismo dirixista e defensivo que só sabe moverse nun contexto de suma
negativa.
Adoptemos despois con determinación as claves futuras
que han distinguir o noso orixinal xeito de servirmos ó pobo galego e a
Galicia. Teñamos ben presente que só tornaremos a indiferenza en adhesión se
nos limitamos a explicar que modelo de país propomos e porque acreditamos en
que unha ampliación do poder galego implicará máis e mellores oportunidades
cidadás.
Deste xeito, expliquemos porque sería mellor pra todos
cobrar os nosos impostos aquí, ou porque só unha reforma da administración
local e da lei eleitoral pensadas en e pra Galicia permitiríannos aforrar
millóns de euros e limpar partidos e institucións. Evidenciemos pra que sirve
ter unha lingua propia e internacional como o galego; sinalemos tamén o feito
de que, estando situados no centro do mundo das comunicacións, deberían ser
claves na economía galega os sistemas portuario, ferroviario e aeroportuario de
estaren centrados estes en Galicia. Ademais, poñámonos ó carón dos empresarios
e industriais pra lles explicar porque maior autogoberno e peso político en
Galicia suporá máis estímulo ós sectores estratéxicos da economía galega; tamén
ó carón dos posibles protagonistas da necesaria revolución da iniciativa e o
coñecemento pra lles axudar a triunfar aquí. Por suposto, dirixámonos tamén ós
traballadores e ós excluídos pra os animar a acreditar en que só o galeguismo
poderá conducirnos a unha revitalización económica que traia máis traballo, ou
pra os convencer de que só o galeguismo poderá satisfacer as necesidades dos
discriminados e asegurar o mantemento duns servizos do benestar que atendan á
realidade demográfica e social galega.
En
definitiva, sementemos a idea de que, polo propio interese dos galegos, a lei e
a orde xenuinamente galegas han de saír só da terra galega. Pra conseguirmos
que esta semente abrolle, deberemos sinxelamente ser os que máis e mellores análises
e solucións proporcionen ós problemas reais do país, e este ha ser o noso xeito
de sermos nacionalistas galegos, o xeito pra unha nova doutrina galeguista no
século XXI.
Botar man da argumentación activa que sinale o camiño
do progreso, tomarnos a molestia de intentar convencer, requirirá de máis esforzo
que a simple melancolía; mais cando fagamos de Galicia a nosa tarefa, pouco
preocupará xa o atraso. Que non falten os folgos nen a valentía; con compromiso,
imaxinación, humildade e traballo aínda será posible determinar o noso propio futuro.
Xurxo López González. 02/08/2012.
Sem comentários:
Enviar um comentário