17/09/2012

O talante propositivo na campaña de Compromiso



             Sen dúbida esta campaña electoral que se aveciña está chea de obstáculos para unha organización tan nova como Compromiso por Galicia, os retos que se presentan son ben coñecidos pero non igual de discutidos, e isto pode ser un problema. Adoitamos falar sobre a radicalizade democrática da organización como ben demostra o proceso de primarias abertas, contamos con vontade inclusiva para acoller a aqueles galeguistas que chaman nación a nosa terra, e somos conscientes de que é precisa unha gran xenerosidade para traballar xuntos a prol do ben común, a defensa do autogoberno, o progreso e o Estado de Benestar.

              Mais estas eleccións están a poñer en valor a imaxe que os galegos poidan ter deste novidoso proxecto político, unha imaxe polo momento moi feble pero condicionada pola historia pasada do nacionalismo galego. A concepción negativa que posúen os cidadáns galegos “dos nacionalistas”, como demostran os resultados electorais minguantes e a baixa valoración nas enquisas dos seus líderes, débese entre outros motivos, a actitude “frentista” por norma do movemento nacionalista aglomerado no BNG ata fai uns meses. A eterna oposición á totalidade das iniciativas, o utopismo nas súas formulacións, e a crítica escasamente construtiva deben ser mudados por un talante propositivo. E máis aínda en tempos de eleccións.

          A práctica do frentismo político xerou un desprestixio que hai que superar para consolidarse e atraer os votos dunha maioría social que, paradoxalmente, simpatiza co galeguismo e ca defensa dos servizos públicos, mais isto ten que ser mediante un discurso críbel, positivo e factible. O desmarque desta concepción pexorativa que posúen os cidadáns debe ser un dos obxectivos fundamentais na campaña electoral de CxG, do contrario padecerase un prexuízo moi custoso que lastrará o proxecto.      

       Chegados a este punto, e se estamos de acordo nesta concisa análise desta problemática oculta que Compromiso por Galicia padece, e que dificulta gañarse a confianza dos galegos, debemos avanzar e preguntarnos: que podemos facer ante isto? Ante a evidente falta de medios materiais en comparación a outros partidos con representación parlamentaria, precisamos de traballo e imaxinación. Non poderemos imprimir tantos carteis, nin repartir tantos agasallos, pero si podemos elaborar unha extensa batería de propostas aplicables para bombardear a cidadanía galega a través de todas as canles posibles.

             Iniciativa tras iniciativa demostrase que o desmarque das vellas practicas políticas, é real en Compromiso por Galicia. 

          Sumando proposta tras proposta pódese convencer que o nacionalismo galego de Compromiso constitúese de xente seria e solvente, próxima o posicionamento político dos galegos e lonxe da marxinalidade.

         Practicando na campaña un talante propositivo e amable que persiga un obxectivo común: o benestar dos galegos dende iniciativas factibles, chegaremos a cidadanía e trasladaremos unha nova imaxe positiva, a dun partido que pode gobernar.

          Fago así un chamamento para concentrar o noso tempo e forzas na elaboración desta batería de propostas para que a executiva e a comisión de comunicación do partido a empreguen a gusto. Con carácter de campaña electoral pero destinadas a solucionar os problemas dos galegos é preciso tratar dende a crise de lexitimidade dos partidos, ata iniciativas para mellorar a calidade educativa, o fomento da actividade empresarial e o emprendorismo como vía de saída da crise económica, pasando polo sistema electoral ou a mellora das nosas administracións públicas tendo a Galicia como medida de todo.    



José Manuel Pantín Morado.

As raíces na terra e o foco na vontade.




Non están os tempos pra andar a enredar con lerias dificilmente descifrables por calquera cidadán alleo á tradición do nacionalismo galego. Mais, baixo o convencemento de que as nosas teimas poden acabar sendo asumidas no servizo á democracia, o progreso e o benestar, permítanme hoxe darlle algunhas voltas ó tema. Como galeguista, déixenme humildemente dirixirme ós galeguistas actuais e futuros, pra os motivar a facer do galeguismo unha ferramenta útil con apoio e prestixio social.

Asumindo que partimos das seguintes realidades ben obvias e constatables :

                                           i.   Estamos na obriga de renderlles agradecementos ós irmáns que foron quen de manter vivo o noso movemento político ata os nosos días, levándoo a ocupar ó menos nunha ocasión o segundo lugar no apoio eleitoral dos galegos e galegas e mesmo a co-gobernar o país durante dous diferentes períodos. Mais, por outra banda, habemos de recoñecer tamén que obxectivamente o nacionalismo galego nunca foi quen de gañar a confianza da maioría social galega. O nacionalismo galego non soubo, ou se cadra non quixo, incluír dentro dos seus marcos a determinados sectores que son fundamentais nas dinámicas dunha sociedade occidental moderna, e tampouco foi quen de se presentar socialmente como debería, como a máis útil ferramenta pró desenvolvemento económico de Galicia e o benestar dos galegos e galegas. Así é que, despois de máis de 3 décadas de errática traxectoria, atopámonos hoxe nunha situación crítica pró noso movemento: co nacionalismo político esgazado, cun apoio eleitoral ó redor dun escaso 16% e cunha percepción social do nacionalismo galego realmente estragada.

         ii. As enquisas do II Barómetro Autonómico do CIS (http://www.cis.es/cis/export/sites/default/-Archivos/Marginales/2820_2839/2829/Es2829Gal.pdf) revelan que, ó tempo que o orgullo de ser galego segue a predominar en Galicia sobre o de ser español (pregunta 22), tanto o sentimento exclusivamente español como o sentimento exclusivamente galego diminuíron nos últimos anos, deixando un 68% que se sinte tan galego coma español, un 6,5% que se sinte só ou máis español e un 24,01% que se sinte só ou máis galego(pregunta 48). Do mesmo xeito, a preferencia ben por un sistema centralista ou ben pola independencia de Galicia tamén son minoritarias, situando ó desexo maioritario dos galegos e galegas en posicións intermedias entre ámbalas dúas (pregunta 46). Xa que logo, podemos concluír que a sociedade galega non interpón ningún tipo de barreira á identidade ou soberanía de Galicia , máis ben observamos como unha ampla maioría amosa unha clara ambigüidade ou indiferenza ó respeito, agardando a ser convencida por unha ou outra opción.

                                  iii.       O nacionalismo galego como movemento político, se non o comparamos con casos de militancia masiva como os 30.000 afiliados do PNV en Euskadi, ten a deshonra de ser un dos movementos con menor proporción votantes/militantes de toda Europa. Con arredor de 8.000 militantes rexistrados no 2009, os partidos nacionalistas galegos non pasaron dos 270.000 votos. Ademais, non foron quen de convencer nen tan sequera a ese 24,01 % que se sinte máis galego ca español, non pasando na última convocatoria eleitoral do  16% dos sufraxios. Logo, podemos concluír que hai ampla marxe prá mellora, tanto en termos de eficacia como de eficiencia.

Ante a situación que enfrontamos, nós, os que coidamos que o nacionalismo galego pode acadar unha expresión maior, só podemos aceptar a responsabilidade de cruzar o noso particular Rubicón. Non nos queda outra que alumear un novo xeito de facer nacionalismo galego, un novo paradigma que se adapte pra satisfacer os problemas da realidade que enche o país, pra abonar a terra e mellorar a colleita da nosa sementeira. Nos próximos lustros, o galeguismo ben poderá diferenciarse e redefinir con firmeza o seu discurso e estratexias pra seducir a esa maioría indiferente, ou ben poderá observar pasivo como esfarela calquera posibilidade de subsistencia da identidade galega. Estamos na encrucillada, próximos a un punto de non retorno, e non debemos dubidar escoller a primeira das opcións.

Galicia é unha nación natural, mais por moito que nos apoien unha historia, unha cultura, unhas tradicións comúns e unha lingua propia e milenaria, non seremos nin deixaremos de ser unha nación política porque nós teimemos en anuncialo. Administrando as nosas conviccións nacionalistas nunha sociedade como a galega, tan complexa e poliédrica, na que son dominantes as reservas e ambigüidades do individuo ante a identidade coletiva, cómpre sermos conscientes de que aquilo verdadeiramente radical é só aquilo que teña viso de tornarse posible. Polo tanto, se queremos que agarren ben fondo as raíces, teremos que mudar a frontal afirmación pola encandeante sedución; deberemos seguir o vieiro que, co apoio dos argumentos da razón e a lírica da nosa identidade, nos leve a motivar ó pobo galego a unirse no orgullo de formar parte dunha nación milenaria e no convencemento de que máis soberanía galega implicará un mellor goberno, un maior progreso e benestar e unha máis xenuína democracia. Cando iso aconteza, será o pobo quen se teña salvado a si mesmo e xa nin fará falta que nós o anunciemos, Galicia xa será de facto unha nación.

Amalgamando un amplo espectro do galeguismo, capaz de representar o latexar da sociedade galega, debemos acreditar logo no nacionalismo cívico como ferramenta. Así, sinxelamente partindo de afirmar sermos o que somos, avogaremos por aquelas posturas que nos faculten pra exercermos como simples catalizadores da suma das vontades individuais de cada un dos galegos e galegas; apostaremos por aquel discurso que nos habilite pra os acompañar en positivo, en sentido de utilidade, pra os alentar a expresar conxuntamente a súa vontade nacional coletiva, en sentido galego e de xeito espontáneo e libre. Atoparemos referentes dabondo se recompoñemos pontes sobre a inmensa fenda aberta coa tradición do galeguismo do primeiro terzo do século XX, ou recollemos as lecións deitadas polo éxito dos partidos nacionais doutras nacións sen estado da Europa.

Sexamos ben conscientes de que é o que deixamos atrás ó enfrontarmos este novo afán. Aqueles nacionalistas galegos que verdadeiramente anceiamos gañar a confianza da maioría social galega, non dubidemos desprendernos daqueles vicios que nos limitaban e fagamos un vieiro propio. É xa a hora de librármonos dese síndrome “quixotesco” que só fai ver xigantes onde hai muíños, é o intre de separarse do aloumiñeiro Morfeo e sandarse desa crónica abstracción dos ritmos reais da sociedade galega, é o momento de inequivocamente afastar da nosa praxe nacionalista o discurso excluínte, propio do nacionalismo dirixista e defensivo que só sabe moverse nun contexto de suma negativa.

Adoptemos despois con determinación as claves futuras que han distinguir o noso orixinal xeito de servirmos ó pobo galego e a Galicia. Teñamos ben presente que só tornaremos a indiferenza en adhesión se nos limitamos a explicar que modelo de país propomos e porque acreditamos en que unha ampliación do poder galego implicará máis e mellores oportunidades cidadás.

Deste xeito, expliquemos porque sería mellor pra todos cobrar os nosos impostos aquí, ou porque só unha reforma da administración local e da lei eleitoral pensadas en e pra Galicia permitiríannos aforrar millóns de euros e limpar partidos e institucións. Evidenciemos pra que sirve ter unha lingua propia e internacional como o galego; sinalemos tamén o feito de que, estando situados no centro do mundo das comunicacións, deberían ser claves na economía galega os sistemas portuario, ferroviario e aeroportuario de estaren centrados estes en Galicia. Ademais, poñámonos ó carón dos empresarios e industriais pra lles explicar porque maior autogoberno e peso político en Galicia suporá máis estímulo ós sectores estratéxicos da economía galega; tamén ó carón dos posibles protagonistas da necesaria revolución da iniciativa e o coñecemento pra lles axudar a triunfar aquí. Por suposto, dirixámonos tamén ós traballadores e ós excluídos pra os animar a acreditar en que só o galeguismo poderá conducirnos a unha revitalización económica que traia máis traballo, ou pra os convencer de que só o galeguismo poderá satisfacer as necesidades dos discriminados e asegurar o mantemento duns servizos do benestar que atendan á realidade demográfica e social galega.

En definitiva, sementemos a idea de que, polo propio interese dos galegos, a lei e a orde xenuinamente galegas han de saír só da terra galega. Pra conseguirmos que esta semente abrolle, deberemos sinxelamente ser os que máis e mellores análises e solucións proporcionen ós problemas reais do país, e este ha ser o noso xeito de sermos nacionalistas galegos, o xeito pra unha nova doutrina galeguista no século XXI.

Botar man da argumentación activa que sinale o camiño do progreso, tomarnos a molestia de intentar convencer, requirirá de máis esforzo que a simple melancolía; mais cando fagamos de Galicia a nosa tarefa, pouco preocupará xa o atraso. Que non falten os folgos nen a valentía; con compromiso, imaxinación, humildade e traballo aínda será posible determinar o noso propio futuro.


Xurxo López González. 02/08/2012.